Ruggiero Ricci (1918-2012)

Ruggiero Ricci (1918-2012)

Violinista italo-americano (San Francisco, 24-7-1918). Fillo dun inmigrante italiano moi pobre, o seu pai impúxolle o estudo do violín, empregando incluso a coacción e a violencia física. Despois de tocar polas rúas e nalgúns locais, estuda co profesor Louis Persinger, mestre tamén de Yehudi Menuhin, debutando en New York con 11 anos de idade. O crítico máis importante da cidade dixo do  mozo violinista: «Todo o que teñen os grandes violinistas, el teno». Máis tarde estuda en Berlín con Georg Kulenkampf, familiarizándose coa tradición xermana da escola de Adolf Busch. Foi o primeiro violinista que gravou os 24 Caprichos de Paganini en 1947. Ao longo da súa vida faría outras tres gravacións desta obra, a última co Guarnerius do mesmo Paganini, cedido  pola cidade de Xénova excepcionalmente para este fin. Tras 70 anos de brillante carreira como concertista, vive agora en Palm Springs (California), ofrecendo clases maxistrais baixo os auspicios da Jascha Heifetz Society. As súas investigacións acerca do seu instrumento, exponas no seu libro: «Técnica da man esquerda no Violín».

Actuacións para a nosa Sociedade
Rexistramos dous recitais deste destacado violinista: o 21-2-1957 coa pianista Ramona Sanuy e o 13-3-1958 con Manuel Díaz.