11 DE XUÑO. NOVAS. RETOMAMOS A ACTIVIDADE

Estimado socio:

          En primeiro lugar, queremos transmitirvos o desexo de que vos atopedes ben de saúde, do mesmo xeito que a vosa familia, e dar expresa mostra de ánimo e apoio a todos aqueles que sufrisen de forma directa as consecuencias da pandemia de o  COVID-19.

         Na nosa carta do pasado 12 de marzo de 2020, anticipándonos ás medidas que se adoptarían posteriormente con base no estado de alarma, declarado mediante Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, a fin de previr calquera risco innecesario para a saúde dos socios e afeccionados que asisten aos nosos concertos, ante a situación creada pola propagación do COVID-19, a Xunta Directiva da Sociedade Filarmónica da Coruña comunicaba a súa decisión de suspender os concertos programados na presente tempada para os meses de marzo e abril, quedando o previsto para o 5 de maio pendente da evolución dos acontecementos, de todos coñecida e que, dada a prolongación do estado de alarma, fixo imposible a súa celebración.

         É evidente que a situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19, así como as restricións das actividades sociais e culturais, que a previsible continuidade desta situación nos próximos meses vai seguir esixindo para protexer a saúde colectiva, con independencia da flexibilización dalgunhas medidas, afecta de modo particular ás actuacións que han de desenvolverse en auditorios ou teatros, como son as de carácter musical que organiza a Sociedade Filarmónica.

   A pesar das dificultades que poida supoñer a aplicación das disposicións relativas ao distanciamento social e á limitación do aforo, para a normal celebración dos concertos, baixo as directrices que acordemos coa dirección do Teatro Rosalía de Castro, confiamos en renovar canto antes a programación prevista e asumir os compromisos xa adquiridos, aínda que sexa necesario trasladalos á próxima tempada 2020-2021, que esperamos iniciar no outono do presente ano, coa colaboración do Consorcio para a Promoción da Música e das demais institucións e entidades que participan, dun modo ou outro, na importante actividade cultural que desenvolvemos.

       Polo momento, descoñecemos a incidencia que esta crise vaia a ter nas contas da Sociedade, especialmente en materia de subvencións e doutro tipo de axudas provenientes de organismos e institucións públicas, que poderían verse afectadas ou reducidas. Pero, en calquera caso e a pesar da temporal suspensión da actividade, é necesario facer fronte a determinados gastos fixos, como son os de persoal, oficina e servizos do local social. Por iso, dado que as cotas sociais de carácter trimestral, cuxo moderado importe gustaríanos manter a curto prazo, constitúen a principal fonte de ingresos do orzamento social, vémonos obrigados a pedirvos que, nesta situación tan difícil para todos, conservedes a fidelidade e o compromiso coa Sociedade Filarmónica que ata o de agora viñestes demostrando, e que é a mellor garantía de continuidade na súa centenaria traxectoria ao servizo da cultura musical.

       Sen prexuízo do que se acorde na Xunta Xeral Ordinaria, que pensamos convocar ao final do verán, en canto sexa posible e teñamos noticias máis concretas, que permitan superar a incerteza actual e anunciar a programación proxectada, poñerémonos novamente en contacto convosco.

        Agradecemos, unha vez máis, a comprensión e a colaboración de todos os socios. Ata un esperado e pronto reencontro.

                                                                   A Coruña, a  10 de junio de 2020

La Junta Directiva

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.